DE

>

GL

Matrimonio de conveniencia

·

Cando o ceo se toldaba, a parte dianteira da mansión —unha terraza ocupada cuns testos de acebre e mais unhas cadeiras de xardín— tamén ofrecía un espazo agradable e con toda clase de distraccións; pola contra, se o sol abrasaba, as preferencias inclinábanse sen lugar a dúbidas pola banda do xardín, en especial no caso da dona e a filla da casa, que hoxe, así mesmo, sentaban no avesío rectángulo de baldosas, de costas ás fiestras abertas orladas de parra virxe e ao lado dunha escaleiriña de catro chanzos de pedra que conducía desde o xardín ao entresollado da ala lateral. Ambas, nai e filla, aplicábanse no labor de confeccionar un tapiz de altar composto de retallos cadrados; nunha mesa redonda, entre os pratos de sobremesa e a cunca de maiólica chea dunhas fermosas uvas espiñas que sobraran do xantar, víanse innumerables madeixas de la e de seda nunha mestura colorida. Veloz e segura ía a agulla de ambas dun lado ao outro, pero, mentres a nai non apartaba a vista do labor, a filla, que respondía ao nome de Effi, pousábao de vez en cando e erguíase para practicar toda a serie de flexións e estiramentos correctos do curso completo de ximnasia doméstica terapéutica. Era obvio que se entregaba cunha paixón extraordinaria a eses exercicios, realizados adrede dun modo un tanto cómico, e cando estaba así, subindo os brazos devagar ata unir as palmas das mans por riba da cabeza, tamén a nai levantaba a vista do labor, pero sempre só un instante e con disimulo, pois non quería exteriorizar o encantadora que lle parecía a filla e a emoción de orgullo maternal que, con todo o dereito, experimentaba. Effi vestía un vestido de liño de listas azuis e brancas, de tipo mandilón, cinguido só no van cun cinto de coiro de cor bronce; o pescozo por diante levábao descuberto, pero cubríalle a caluga e os ombros un ancho colo mariñeiro. Alborozo e donaire cohabitaban en todo canto facía, mentres os riseiros ollos castaños delataban unha enorme intelixencia natural, alén dunha grande alegría de vivir e afabilidade. Chamábanlle «a Pequena», algo que só consentía, porque a nai, tan linda e esvelta ela, aínda lle levaba un palmo de altura.

Título: Effi Briest
Autoría original: Theodor Fontane
Ilustración cubierta: Carlos Valdés García
Revisión: Beatriz Fariñas Garrote
Traducción: María Alonso Seisdedos
Editorial: Irmás Cartoné
Año de edición: 2026