DE

>

GL

Tres amores

·

Dona Irene baixaba as escaleiras da vivenda do seu amante, cando un súbito medo irracional se volveu apoderar dela. De pronto zoáballe diante dos ollos unha buxaina negra; o terror entaloulle os xeonllos e tivo que agarrarse rápido ao pasamáns para non caer de bruzos. Non era a primeira vez que se expuña a tan arriscada visita, ese brusco estremecemento non lle era en absoluto descoñecido. Por máis que se resistise, sempre, ao volver para a casa, sufría eses ataques infundados de medo absurdo e ridículo. O camiño á cita era sen dúbida máis doado. O automóbil deixábaa na esquina da rúa, ela percorría lixeira e sen mirar para arriba os poucos pasos que había ata o portal e apuraba a subir as escaleiras, pois sabía que el xa a agardaba dentro, detrás da porta, que se abría veloz, e ese primeiro medo, no que tamén ardía a impaciencia, fundíase coa calor do abrazo que a recibía. Só que despois, cando tocaba regresar á casa, xurdía, arrepiante, esoutro misterioso pavor, agora confundido co arreguizo da culpa e a obsesión estúpida de que cada mirada estraña na rúa era capaz de adiviñar de onde viña e replicar cun sorriso insolente á súa turbación.

Título: Tres mulleres
Autoría original: Zweig, Stefan
Ilustración cubierta: Georges Gandion, Mulleres nun café, 1910 (cuberta)
Traducción: María Alonso Seisdedos
Editorial: Editorial Galaxia
Año de edición: 2025