DE
>
GL
A incomprensión
- Adultos
·
- Galego
Manuela contempla en primeiro lugar o enorme edificio que ten diante. Nun principio cre que o cocheiro se enganou e a levou sen decatarse a un cuartel. É un xigantesco caixón de pedra con fiestras, fiestras e máis fiestras, unha ringleira sobre outra, e unha porta grande e fechada.
—A ver, neniña, colle o bolso, polo menos! —dille a tía
Luise, que a saca así do abraio. Na reixa aparece toda apresada a señora Alemann, pois o home non consegue pór a casaca tan rápido, abre a cancela e faise cargo da maleta. Vai diante mentres tía e sobriña a seguen polo xardín. Manuela, que reparou nas miradas curiosas da fiestra, agacha a cabeza. Pero tamén as raparigas se retiran asustadas, por detrás delas a voz enérxica da señorita Von Kesten ponlle fin á diversión:
—Pódese saber que facedes? —Vai á fiestra e féchaa cun xesto violento—. Sabedes de sobra que está terminantemente prohibido abrir as fiestras e asomarse. Que pensará a xente na rúa se vos ve aí a espreitar como… como as criadas! Ordenaches o teu armario, Ilse?
—Non, señorita Von Kesten.
—Pola tarde hai revista, así que…
Unha detrás da outra saen en silencio da sala.