IT
>
GL
A sátira como arma
- Adultos
·
- Galego
TOLO
(En ton suplicante.) Non, non me bote fóra, señor comisario.
Co ben que estou aquí con vostede… Na xefatura
de policía… síntome protexido. Fóra, na rúa,
hai tantos perigos… A xente é ruín, van en coche,
tocan a bucina, frean facendo chiar as rodas… Fan
folga! Nos autobuses e nos coches do metro as portas
féchanse de golpe… friii, ñac, esmagado! Déixeme
quedar aquí con vostede… axúdolle a turrarlles da
lingua aos acusados e aos subversivos… seille facer
supositorios de glicerina con nitro…
COMISARIO BERTOZZO
Xa está ben! Acabouse… Xa me encheu!
TOLO
Comisario, se non me deixa quedar aquí con vostede,
chímpome pola fi estra… En que piso estamos? No
terceiro? En fin, case, case o regulamentario. Chímpome!
Chímpome e, cando estea abaixo, moribundo,
espatelado no pavimento, entre estertores… porque
eu non lle morro así como así… non son un farragús
como o anarquista, que por un pinchiño de só catro
pisos xa quedou en coma despois do golpe… e por
iso aos xornalistas que acudiron non lles deu contado
nada… Non, eu aos xornalistas cóntolles… entre
estertores, que foron vostedes os que me chimparon
abaixo! Chímpome! (Corre cara á fiestra.)