CA
>
GL
Entre a vida e a morte
- Adultos
·
- Galego
A Margarida esperara a morte con ilusión. A dela. Imaxinara o seu pasamento como un estalo luminoso, un espasmo de gloria, un xúbilo definitivo, unha éxtase abafante ao son dos laúdes e as trompetas dun exército de anxos. Aleluia! Loados sexan os designios do Altísimo. Benia o Noso Creador. Figurárase a escena tantas veces que nin que ocorrese de verdade. As portas do ceo abríanselle ao paso. Os querubíns cantaban. Tiñan a boca rosada e carnosa, as fazulas de veludo, húmidos os ollos da ledicia. Ían descalzos e levaban cadansúa coroa de ouro e unha túnica de seda que se cinguía ao peito cun cordón tamén de ouro. E no medio dos anxos estaba Noso Señor. Noso Señor, que tiña unha cara que se confundía coa do Francesc, cunha fochiña no medio do queixo e as mans ásperas e cheas de aneis, que lle tomaba o rostro e a bicaba como o día do seu casamento. «Benvinda á Gloria», dicíalle. E entón, cando no medio da luz fulgurante que dá a alegría, a Margarida volvía distinguir a boca do Señor diante dela, os ollos do Señor como dous cullarapos. El mirábaa desde tan preto, tan cerca, que vía todas as cousas que a coitada da muller tivera que vivir de máis e choraba bágoas que semellaban de leite.