EN
>
GL
Intrigas e terror en Afganistán
- Adultos
·
- Galego
O pozo era fondo e escuro. Non tan escuro, emporiso, pois unha vez a vista se acostumaba á mudanza do resplandor do sol ás paredes terrosas, daba para distinguir con nitidez cada obxecto. Abaixo había moita humidade e no tempo chuvioso era probable que acumulase unha cantidade considerable de auga, pois mesmo agora, en pleno verán, discorría unha corrente diminuta polo que debía de ser un pasadizo subterráneo, se ben era imposible, desde esa altura e con tan escasa luz, aprecialo ben. No entanto, o que enchera de horror o espírito de Mohamed Selim e lle demudara a face nunha palidez cadavérica non era nin a fondura nin a escuridade nin a humidade do pozo. Eran as cinco lanzas chantadas coa punta cara a arriba no centro exacto do fondo, de maneira que calquera obxecto ou corpo que caese alí quedaría indefectiblemente espetado nelas.