Palabras dadas · Tradución e revisión editorial

GL

>

GL

Un misterio tenebroso

·

As Jermaine (tamén coñecidas por Jermay ou Jermin) son cinco: Floricia, Cynthia, Camelia, Denese e Zinney. A Floricia —para a familia, Flo, a secas—, a máis vella, non aparece no retrato. Non, non morreu antes de hora. É só que agarrou unha perrencha das súas porque a mandaron colocarse empoleirada nun repousapés por detrás das outras e ela, ela!, non, filliña, non, ca!, ela non estivo toda a santa mañá adobiándose, que nin tempo a almorzar lles deu despois da misa por causa da condenada fotografía, entre pasarlle o ferro ao vestido emprestado polo retratista, como os das irmás, que viña feito un mulido; aquelar os malditos rizos untados de dendé para que caesen onde debían caer, nunca ceibos; axeitar no pescozo o raio da lazada da fita branca —aquí non, aquí igual si, non, mellor así, é, así, xustiño—, idéntica á que levan a Cynthia e a Denese; e recortar as uñas e limalas para escorrentar delas o negrume da horta, que aínda pasou a véspera, sábado, de sol a sol!, vaia novidade, como nos tempos da escravitude —imaxina—, sacha que sacha. Non, filla, non, ela non botou horas e mais horas —esaxera— a crear unha imaxe artificial, fermosa, casadeira, para que o tal figurón pretendese chantala detrás, de última!, como irrelevante decorado… e nun repousapés, como á Zinney! En fin, como á Zinney non, miña nena —nega—. Con ela, coa Flo, que non contasen para esa pantomima! Casar, ademais, para que? Para aturar a quen? Tiña ela boa perda de marido!

Título: As Jermaine
Autoría orixinal: Alonso Seisdedos, María
Revisión: Manuel Arca Castro