Palabras dadas · Tradución e revisión editorial

EN

>

GL

O diñeiro e a liberdade

·

«Non pisara unha praia en todo o verán. Detestaba as praias. Había unha pasarela de madeira que atravesaba media praia e Tom deduciu que a area estaría a arder, porque todo o mundo estaba deitado sobre unha toalla ou o que fose, pero quitou os zapatos e quedou uns instantes sobre a madeira quente, estudando con calma os grupos de xente máis próximos. Ningunha daquelas persoas se asemellaba a Richard e as reverberacións da calor impedíanlle distinguir as que estaban máis lonxe. Tom pousou un pé na area e retirouno ao instante. Logo respirou fondo, correu polo que lle quedaba da pasarela, botou un esprinte pola area e afundiu os pés nos benditos escasos centímetros de auga da beira. Púxose a camiñar.
Tom viuno á distancia dun quinteiro, máis ou menos. Inconfundible Dickie, mesmo torrado do sol e co pelo louro ondulado máis claro do que recordaba. Estaba coa tal Marge.»

Título: O talento do señor Ripley
Autoría orixinal: Highsmith, Patricia
Ilustración capa: Sonia Pulido
Tradución: María Alonso Seisdedos
Editorial: Kalandraka Editora
Ano de edición: 2022