FR

>

GL

Un labirinto de relatos

·

Era iso, polo tanto, escribir a miña magnum opus, o que trataba de facer desde había un mes cando, unha noite de xullo, incapaz de dar aínda coa primeira oración, lisquei para a rúa parisiense. Alangreei ao axexo do milagre. Presentóuseme detrás da vidreira dun bar ao recoñecer a Marème Siga D., unha escritora senegalesa duns sesenta e tantos, que o escándalo de cada un dos seus libros transformara, para algúns, en pitonisa funesta, en ghouleh ou directamente en súcubo. Eu víaa coma un anxo; o anxo negro da literatura senegalesa, sen o cal esta sería unha cloaca mortal de aburrimento onde aboiaban chapuzando, coma excrementos moles, eses libros que abren, queiras que non, descricións dun sol eterno que «lanza os seus raios resplandecentes a través da follaxe» ou imaxes dese rostro novelesco universal de pómulos «saíntes», nariz «aquilino» (ou «chato»), fronte «convexa» ou «prominente».

Título: A máis recóndita memoria dos homes
Autoría orixinal: Sarr, Mohamed Mbougar
Ilustración capa: Isabel Blanco
Tradución: María Alonso Seisdedos
Editorial: Follas Voadoras, SL
Ano de edición: 2025