EN

>

GL

Un mundo de luz

·

A Grecia, se fun, foi só grazas a unha moza que se chama Betty Ryan e que vivía no mesmo edificio ca min en París. Un serán, cunha copa de viño branco polo medio, deu en contarme as experiencias das súas viaxes polo mundo adiante. Sempre a escoitaba con enorme atención, non só polo insólito desas tales experiencias, senón porque as narraba como se as pintase: esas descricións imprimíanseme na mente como os lenzos acabados dun gran mestre. A dese serán foi unha conversa peculiar: empezamos falando da China e do chinés, lingua en cuxo estudo se iniciara. Ao pouco estábamos no norte de África, no deserto, entre pobos dos que eu non sabía nada. E de súpeto aparecía ela soa, camiñaba á beira dun río, rodeada dunha luminosidade intensa, e eu seguíaa o mellor que podía con aquel sol cegador ata que ela se perdeu e me vin deambulando por un país descoñecido e escoitando un idioma que xamais ouvira. A moza esta non é que se dedique a contar historias, pero algo de artista ten, porque ninguén me describiu nunca a atmosfera dun lugar con tanto detalle como ela a dese paseo por Grecia. Moito despois descubrín que onde se perdera fora preto de Olimpia, pero entón aquilo para min era Grecia sen máis, un mundo de luz co que nunca soñara e nin sequera esperaba chegar a ver.

Título: O coloso de Marusi
Autoría orixinal: Miller, Henry
Tradución: María Alonso Seisdedos
Editorial: Laiovento
Ano de edición: 2024