Palabras dadas · Tradución e revisión editorial

NL

>

GL

Unha colonia exhausta

·

A lúa chea, tráxica esa noite, erguérase moi cedo, aínda cos últimos fulgores do día, como unha inmensa bóla rosácea
que flamexase no horizonte, como o sol no ocaso, por detrás dos tamarindos da Langelaan, e elevouse no ceo pálido, desprendéndose aos poucos desa súa tráxica coloración. Un silencio sepulcral estendeuse por todas as partes como un veo de sixilo, cando, despois da longa sesta do mediodía e sen ningunha animación previa, caeu a calma do serán. Na vila, de casas señoriais de planta baixa e con columnas brancas que se ocultaban tras os arboredos das avenidas e dos xardíns, imperaba un ambiente de donda ausencia de ruído, o sufocante recalmo vespertino, como se o serán amortecido acusase o cansazo do sol tórrido dese día de monzón oriental. As casas, sen ruído, esvaecíanse, na súa mudez sepulcral, no brancor das ringleiras regulares de grandes testos encalados, na frondosidade dos seus xardíns. Aquí e acolá prendíase unha luz. De socate ladrou un can e outro can respondeulle esgazando o dondo silencio en fargallos longos e ásperos; gorxas caninas iradas, roucas, arfantes, afonicamente hostís; de socate tamén elas calaron.

Título: A forza escura
Autoría orixinal: Couperus, Louis
Ilustración capa: Charles W. Meredith van de Velde
Tradución: Antón Vialle / María Alonso Seisdedos
Editorial: Editorial Galaxia
Ano de edición: 2024