finalista premio Plácido Castro 2023

EN

>

GL

Xente

·

Desta non había esperanza para el: era a terceira apoplexía. Unha noite e outra pasaba por diante da casa (estaba de vacacións) e esculcaba no rectángulo de luz da fiestra, e unha noite e outra atopábao iluminado igual, cunha luz tenue e uniforme. Se morría, pensaba, vería o reflexo das candeas na persiana escura, pois sabía que na cabeceira dun cadáver se colocaban dous cirios. Algunha vez tíñame dito: “Non vou durar moito máis neste mundo,” e eu considerara infundadas esas palabras. Agora sabía que eran certas. Cada noite, ao levantar a vista á fiestra, pronunciaba baixiño, para os meus adentros, a palabra “perlesía”. Sempre me resultara estraña ao ouvido, coma o gnomon de Euclides ou a simonía do Catecismo. Agora soábame a nome de ser maléfico e pecadento. Infundíame medo e, con todo, devecía por aproximarme e contemplar a súa obra letal.

Título: Dublineses (Dubliners)
Autoría orixinal: Joyce, James
Tradución: María Alonso Seisdedos
Editorial: Editorial Galaxia
Ano de edición: 2022