Di o DRAG que unha ponte é unha «construción que se fai sobre os ríos, foxos etc. para unir os dous lados e poder así atravesalos». De aí a imaxe que ilustra a portada do meu sitio, a imaxe que representa o que fago cada día.
A ponte representa a tradución como ningunha outra estrutura arquitectónica. Da súa solidez depende que a comunicación flúa, que non se interrompa nin se veña abaixo. Cando esa ponte une as marxes de dous países, non só son as xentes de ambas as marxes as que se desprazan por ela, senón as linguas e culturas que as caracterizan e lles outorgan identidade propia.
Tal como a ponte da Amizade serve de nexo entre as poboacións de Goián (Galicia) e Vila Nova de Cerveira (Portugal), os tradutores erguen acotío con palabras pontes de comprensión que salvan os abismos do illamento.