EN
>
GL
O mecanismo nivelador
- Adultos
·
- Gallego
«―Napoleón tamén durmía pouco. E Edison. Se te fixas, é característico de moitos grandes homes. Dise de Edison que desprezaba o sono, e na miña opinión facía ben. Eu tamén o desprezo. Desprézome a min mesmo por necesitalo. ―Achegouse máis a Terry e confioulle―: Dei baixado a catro horas.
―Catro horas?
―Catro horas cada noite. Mantiven a media toda esta semana pasada.
―Pero iso non lle ha de ser bo. Agora se explica a cara de cansazo que ten.
―Tanto me dá. O meu obxectivo son as tres horas e vouno conseguir. Para algúns de nós é unha loita. Non todos temos os teus dons. Por iso te envexo tanto. E por iso estou decidido a descubrir o teu segredo.
Terry tomou un sorbo modesto da copa.
―Pero a que vén ese desprezo? Non o entendo.
―A ver como cho explico: o que dorme está indefenso, impotente. O sono pon as persoas máis fortes á mercé das máis débiles e fracas. Imaxinas o que ten que ser para unha persoa co carácter de Margaret Thatcher, coa súa idiosincrasia moral, verse obrigada a prostrarse cada día nesa postura de submisión abxecta? O cerebro inutilizado, os músculos inertes e fláccidos? Ten que ser insoportable.
―Nunca me parara a pensar niso ―dixo Terry―. O sono, o mecanismo nivelador por antonomasia.
―Aí estamos. Iso é exactamente: un mecanismo nivelador. Coma o puto socialismo.»