NL

>

GL

Un frío que doe

·

Arramplei co móbil do escritorio, un Samsung negro do trinque e levantei a tapa. Non lle sabía o pin, se chega a estar apagado, non tiña nada que facer, pero na pantalla reluciu case decontado unha foto desenfocada do logo da Nike, probablemente tirada dalgunha peza de vestir del: dos tenis ou da pucha negra que levaba calada ata as cellas sempre, mesmo dentro da casa en pleno verán.
Busquei rápido no menú, que no fondo era igual ca o do meu, por acaso un Samsung, pero un modelo que tiña medio ano e xa só por iso irremediablemente anticuado. Fun a “Meus arquivos” e de aí aos vídeos. Atopei o que buscaba antes do que pensaba.
Mirei e notei como a cabeza me ía arrefecendo paseniño. Era ese frío que se sente cando un come un anaco de xeado moi grande ou traga con moita avidez unha bebida conxelada.
Era un frío que doía —desde dentro.

Título: A Cea
Autoría orixinal: Herman Koch
Tradución: María Alonso Seisdedos / Antón Vialle
Editorial: Editorial Galaxia
Ano de edición: 2012